Foi un ilustrado que creou en Sargadelos o primeiro alto forno da industria española e unha fábrica de louza,con base en Ribadeo, onde chegou no 1768, impulsou a industrialización da zona, creando primeiro unha ferrería e logo toda unha industria en Sargadelos, na que chegou a fabricar armas e vaixelas finas. Igualmente, impulsou o comercio, que foi a base da súa fortuna persoal, tanto por mar como no interior da península, de liño e alcohol, e xestionou minas. Nos tempos da guerra da Independencia, os seus inimigos políticos e económicos conseguiron o seu linchamento en Dompiñor, Ribadeo, o 2 de febreiro do ano 1809, día no que tamén a turba entrou na súa casa en Ribadeo e saqueouna.
As súas fábricas en Sargadelos continuaron funcionando ata o ano 1875, sendo poxadas no 1878.
O título de Marqués foille outorgado tras a súa morte, seguindo na familia ata a actualidade.
O asasinato do creador de Sargadelos un artigo de Isaac Díaz Pardo
Segundo os poucos datos históricos que temos deste feito, hoxe cúmprense 200 anos de cando o marqués de Sargadelos fora arrastrado polas rúas de Ribadeo atado á cola dun cabalo.
¿Como se empezou a divulgar esta historia? Felipe Bello Piñeiro, pintor ferrolán, fixo algunhas decoracións en casas de Viveiro. Entre Viveiro e Cervo vivía unha rapaza coa que Bello Piñeiro entaboou un certo amor romántico. Ela era unha descendente de Antonio Raymundo Ibáñez, marqués de Sargadelos. Posiblemente foi ela a que levou a Bello Piñeiro ás ruínas de Sargadelos das que o pintor ficou prendido e profundamente namorado; con elas concibe un texto cheo de saudade e esperanza de que aquelas volvesen a traballar. O texto vai ver a luz en folletos da revista da asociación de artistas de Madrid e chéganos por dúas canles, a do mesmo Bello Piñeiro e a do inesquecible Manuel Ferrol, que conseguira retratar os textos e compoñéndoos seguidos figuraban como se fosen un libro. Non tardamos en facer a edición do texto de Bello Piñeiro Cerámica de Sargadelos, ao que se lle engadiu un prólogo, que penso o fixen eu.
Despois desto, co novo Sargadelos xa en marcha como obra do Laboratorio de Formas, fixéronse moitas investigacións e publicamos vinte libros con elas, mais a morte mesma de Ibáñez ficou sen documentar. O que se sabe foi transmitido de boca a boca, e así chegou a nós. Sábese que Ibáñez tiña moitos inimigos, empezando polo importante facendado Manuel Pedrosa, que tiña unha gran influencia e dominio na gran comarca de Cervo, e a quen o proxecto de Ibáñez lle resultaba unha competencia de prestixio intolerable. Por algúns datos, Pedrosa non estaba só e entre os seus asociados estaba a curia.
Non ben empezou a traballar a siderurxia de Ibáñez prodúcese o motín do 1798 co asalto ás fábricas e a desfeita de todo o que atoparon. Ibáñez puido salvarse esta vez saíndo por un portelo oculto do xardín. Pero nos máis interesados en queimalo tamén estaba o capelán que tiña Ibáñez ao seu servizo.
O odio contra Ibáñez non cesou e cando o da francesada apareceu unha boa ocasión para acusalo de afrancesado, pois ademais de formado na Ilustración era culto como os franceses. Ibáñez, sen tomar ás acusacións en serio, traballou como un gran patriota mandando barcos con munición a Cádiz para a defensa do exército.
Mais un exército mandado polo xeneral Worcester, acompañado de grupos iracundos enchidos de vinganza fernandina, entrou en Ribadeo e Ibáñez, que ocupaba un cargo na Xunta de Defensa, entre as falsas acusacións que viñan de Cervo e os odios que traían os liberadores non puido defenderse. Prodúcese entón o vil asasinato do marqués de Sargadelos. Worcester deixou tamén que as turbas fernandinas saquearan o palacio de Ibáñez e mandou deter á viúva e ás fillas de Ibáñez. A viúva morreu aos dous días. A envexa e a ambición duns cantos ignorantes acabaron cun home de 53 anos sabio e cabal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario